Wednesday 15 de May de 2024

As persoas en paro poden inscribirse ata o 14 de febreiro nas novas lanzadeiras de emprego da Coruña, Ourense, Vigo e Santiago de Compostela


― Desde 2013 as lanzadeiras contribuíron a mellorar a situación laboral de cerca de 600 galegas e galegos que atoparon traballo por conta allea, emprenderon, obtiveron certificados de profesionalidade ou aumentaron a súa formación

― As solicitudes para participar poden remitirse por vía web a través de www.lanzaderasconectaempleo.es

O prazo de solicitude para participar nas catro novas lanzadeiras Conecta Emprego da Coruña, Ourense, Santiago de Compostela e Vigo permanecerá aberto ata o próximo 14 de febreiro. A iniciativa, dirixida a persoas en situación de desemprego pretende axudar á inserción laboral de 120 galegas e galegos na presente convocatoria.

A Xunta colabora no impulso das lanzadeiras coa Fundación Santa María a Real e a Fundación Telefónica. Estas plataformas destacan pola súa metodoloxía avanzada, moderna e cooperativa. Trátase dun programa gratuíto de orientación laboral para guiar a persoas en situación de desemprego cara a reactivar a súa procura de traballo mediante a formación en novas técnicas e ferramentas, co obxectivo de que reforcen as súas competencias transversais e dixitais, para adaptalas ás demandas do mercado laboral.

As catro novas lanzadeiras da Coruña, Santiago de Compostela, Ourense e Vigo, estrearanse este febreiro e permanecerán operativas ata finais de xullo de 2022. Cada unha delas ofrece un máximo de 30 prazas que poden ocupar homes e mulleres que deben atoparse en situación de desemprego e ter idades comprendidas entre os 18 e os 60 anos. As Lanzadeiras Conecta Emprego son ademais gratuítas e abertas a persoas con calquera nivel de estudos e experiencia profesional.
Nos últimos anos as lanzadeiras adquiriron unha vertente máis tecnolóxica e próxima á realidade, o que supón un valor engadido para axudar á empregabilidade das persoas participantes. Nesta ocasión celebraranse en formato mixto virtual e presencial.

Os interesados en participar poden realizar a súa inscrición de xeito presencial nas oficinas de emprego da Coruña (novo edificio Amizade na rúa Gregorio Hernández), Santiago de Compostela (rúa Ramón Piñeiro), Ourense (rúa Progreso) e Vigo (rúa López Moura); ou ben por vía telemática na web http://www.lanzaderasconectaempleo.es.

As persoas seleccionadas contarán co asesoramento durante todo o programa de especialistas en orientación laboral, ferramentas dixitais e contactos con empresas, que lles guiarán para mellorar a súa empregabilidade e perseguir a súa inserción.

Entre outras dinámicas, a formación centrarase na intelixencia emocional dirixida á prospección laboral, na actualización de currículos e simulacións de entrevistas de traballo e no uso de novas ferramentas dixitais, aplicacións e redes sociais para impulsar a súa procura de emprego na contorna en liña.

A experiencia da Xunta con estes instrumentos reflicte o éxito nos últimos anos nos que se conseguiu unha elevada porcentaxe de inserción laboral, obxectivo último destas iniciativas. Desde 2013 ata a actualidade, Galicia contou con 39 lanzadeiras que chegaron a 925 persoas en desemprego. Un 60% dos participantes mellorou a súa situación laboral ao atopar un traballo por conta allea, emprender, obter certificados de profesionalidade e aumentar a súa formación para abrir novas oportunidades laborais.